luns, 5 de xaneiro de 2015

Días que deberían ser festivos (I)

Deixa que sexa a distancia quen pregunte
pola miña boca amordazada
que cona é todo este balbordo e este charco de bágoas
e nel vexa a súa cara e se esfole
os minutos un por un

a ver se así entende
os moratóns das miñas pegadas
e as agullas arrancadas de reloxo
apiadas no chan coma minas antiesperanza

agardando estourar de rabia
cando a min me rebenten as veas
de tanto latexo esmendrellado
e con baleiro legal ao teu tacto,
ti,

tan fodidamente lonxe
que igual estás neste corpo carcelario
como neste poema sen tímpanos
como nesta voz pola que falas.